Nota de prensa do BNG
O Condado 12-05-2011
Candidatos do BNG de Covelo e A Cañiza reúnense co presidente da Mancomunidade de Montes da Paradanta.
Co transfondo do alto índice de sinistrabilidade provocado polo gando nas estradas da zona, Mº Shantal Rodriguez e Xosé Manuel Sendín, candidatos do BNG na Cañiza e Covelo respeitivamente, reuníronse con Cesar Estevez, presidente da Mancomunidade de Montes da Paradanta para coñecer as causas e tentar buscarlle solucións a este problema.
A Mancomunidade de Montes Veciñais da Paradanta, integra a 9 comunidades de Montes Veciñais en Man Común dos concellos de A Cañiza e Covelo (Prado da Canda, Paraños, A Lamosa, Santiago de Covelo, A Franqueira, Luneda, Parada, Valeixe e As Achas), entán así integradas nela a prática totalidade das parroquias que conforman a Serra da Paradanta, unha das zonas de Galiza con maior densidade de gando explotado en réxime extensivo en plena libertade.
As tres partes coincidiron en sinalar que na base do problema da alta sinistrabilidade provocada polo gando nas estradas da zona, está a falla de ordenación dos aproveitamentos. Coincidiron tamén no interés que tería para a reactivación económica de toda a comarca o aproveitamento integral das capacidades produtivas dos montes comuniais dun xeito integral, é dicir, compatibilizando os aproveitamentos agro-gandeiros cos forestais e outros aproveitamentos posibeis dos terreos de propiedade comunal, sen esquecer o papel medioambiental que deben cumplir estos espazos.
Cesar Estevez sinalou a necesidade de acometer a identificación de todo o gando e do rexistro dos seus propietarios, apelou á responsabilidade dos gandeiros e manifestouse partidario do establecemento de plans de aproveitamento silvopastorais, para o que segundo informou leva reclamando o apoio das administracións desde hai tempo.
Os candidatos do BNG destacaron a capacidade dos concellos de actuar como dinamizadores de proxectos de ordenación, baseados na responsabilización de todos os axentes implicados, especialmente a dos gandeiros propietarios, e asumiron o compromiso de pular por elo demandando da Xunta unha atención preferente para esta zona, na que na súa opinión danse as condicións optimas para o asentamento de novas explotacións orientadas á produción de carnes ecolóxicas de grande calidade. Tamén se comprometeron a solicitar das administracións responsabeis das principais estradas da zona o valado das vías e o seu mantemento.