Nota de prensa do BNG de Covelo
O BNG cree intolerábel a actitude do PP diante do peche do túnel da Paradanta
O Partido Popular de Covelo deixa á súa sorte á veciñanza de A Lamosa.
O BNG de Covelo considera irresponsábel a actitude que mantén o Partido Popular de Covelo. O Bloque Nacionalista Galego presentou unha iniciativa no Pleno do Concello de Covelo, iniciativa aprobada por todos os grupos políticos. Que se saiba o Partido Popular non realizou ningunha xestión ao respeito. O alcalde, José Costa, sigue a utilizar a estratexia de sempre: agocharse dos problemas que poida sufrir a veciñanza, neste caso concreto, os veciños da parroquia de A Lamosa.
Pola contra o BNG presentou preguntas tanto no Senado (o senador Xosé Manuel Pérez Bouza), como co Congreso dos Deputados (a deputada Mª Olaia Fernadez Davila), encamiñadas a comprometer ao Ministerio de Fomento á hora de atender as demandas da veciñanza de A Lamosa, feitas publicas no seu día na prensa.
O BNG está comprometido coa veciñanza do noso municipio, ve con preocupación a pasividade de José Costa, que prefire mirar de cara a outro lado, que asumir a súa responsabilidade.
O BNG na moción aprobada pedía, recollendo en parte propostas dos veciños, varias actuacións na estrada N-120, especialmente na parroquia de A Lamosa, para evitar serios riscos de accidente dado o aumento do tráfico. Nin o alcalde de Covelo nin o Ministerio de Fomento moveron un dedo e o túnel xa foi cortado. Precisamente xa no primeiro día de producirse o desvío xa houbo un accidente na estrada de enlace entre a N-120 e a autovía.
Asdo.: Xosé Manuel Sendín Rodríguez.
Concelleiro portavoz do Grupo Municipal do BNG de Covelo
